05/08/08

BIODIVERSIDADES

Imaxe de Spencer Tunick



Hai biodiversidade dentro de mín. Non o crerá, pero en realidade teño un ecosistema interno que funciona perfectamente, coas súas normas, cos seus gobernantes, coas súas cárceres, con exércitos e manifestantes pacíficos, con universidades, gasolineiras, bares e urbanizacións habitadas por vellos e bebés. Hai un polo norte onde nunca se pon o sol, e moitas terras prometidas. E por suposto, tamén existen grandes soños sen cumprir. O ano pasado houbo un terremoto, e moitas persoas perderon a vida tentando subir a unha palestra a recitar os seus propios versos.

Cada individuo loita por manter o seu espacio dentro de min. Presencio liortas entre uns e outros, pero normalmente imponse a razón. Cando un mata a outro, vai á cadea, e si algunha destas persoas da coa loucura, entón vai a un manicomio (un manicomio dentro dun manicomio). En xeral, no interior todo funciona con harmonía, e ás veces ata me deixan mandar un pouco; agás na zona do estómago, onde viven a maioría dos viscerais.

Con todo, non quero caer na tiranía. Nunca fun un ser prepotente. Imaxínome algún día reinando este meu interior, pero o certo é que esta é unha sociedade republicana, nunca o permitirían.

Todos os seres que gardo dentro da pel conviven nunha sociedade á que só se pode acceder mirando cara dentro. Para iso tería vostede que fixar os seus ollos nos meus e camiñar ata chegar á oitava capa do cerebro. Alí pediranlle un carné, pero se di que vai da miña parte, non creo que teña problemas.

3 comentarios:

aultre narai dijo...

vaia, e está aberto as 24 horas? XD

Malaquita dijo...

Sempre sempre sempre, agás cando durmo, que é máis dificil entrar...

W. Sobchak dijo...

Pfff, despois de ler o teu post non sei se son o tipo máis simple do planeta ou se no meu interior goberna un rexime totalitario que impide calqueira disidencia

[por certo, bonita foto. Normalmente non me gustan as imaxes de Tunick, pero esta presta]