05/12/08

MICRORRELATO II




Venres pola noite. Fóra, chegou xa o temporal que anunciaron os informativos durante toda a semana. É posible que neve por baixo dos catrocentos metros. Pola contra, no interior da vivenda fai calor, e alumean os corpos da parella, anticipándose ó que virá cando remate a cea. Unha cea romántica, que el prepara con agarimo. Buscou a receita na internet, para sorprendela a ela, logo dunha dura semana de traballo, na que os horarios a penas lles permitiron verse. Solombos de porco con mazá, acompañados por un viño tinto que agocha sabores de vainilla.

Ela non cociña esta noite. Limítase a pinchar cancións no ordenador, vai facendo unha lista coas que máis lle gustan, con todos eses temas que lle revolven as tripas. De cando en vez, e sempre sen que el o perciba, mira o seu xeito de estar na cociña, o coidado co que pica as patacas, as cenorias, as mazás. A delicadeza á hora de reducir a salsa de sidra e caldo, o amor que aplica en cada un dos seus movementos. Interiormente, ela pensa a sorte que ten por ter atopado a un home tan marabilloso, ás veces incluso pensa que non o merece, que non merece ter unha persoa así ó seu carón.

Aínda son novos, non cumpriron os trinta anos. Mentres el comeza a poñer a mesa para cear, ela decide escribir ese momento, deixalo impreso nun papel, para non esquecer nunca as pequenas cousas. Sabe que el é a persoa coa que ha de pasar o resto da súa vida.

O que non sabe é que el chegou a un punto tal de desesperación, que planea envelenala nesa cea. Matala. Para non ter que vela nunca máis.

2 comentarios:

Anónimo dijo...

AGGGGGGGGGgg ,casi me matas coa final !! Pero mereceu a pena,esbozei unha sonrisa de lado a lado, Bicos mil

O Raposo dijo...

"Non se fie vostede de naide", dicía o tolo. As cousas case nunca son como parecen.