Un lugar de ensoñacións e paradoxas, onde se permite a contradicción por riba de tódalas cousas. Unha casa de recordos e estorniños, e de "Every time" sen agullas de reloxo. De causas e cousas perdidas, e imaxinería e amuletos. De protestas e tolemias e disfrazes suspendidos no tendal. De magos e chistes e circos perdidos, así como de medos abatidos e cristais. En definitiva, ilusionante.
Negocian o reparto do Polo, negocian, países que din ser países, pero son disputa.
Unha parte da terra (quedan poucas) que sobrevive sen donos. Pero hai nos homes e nas mulleres un afán de poseer todo aquelo que se ve. E máis cando o que se ve agocha riqueza e poder. O Ártico agocha máis cousas, pero esas non as ven os homes e as mulleres que gobernan os países. Países que din ser países, pero son disputa.
Unha nena a outra: - ¿Pero cómo podes pensar que hai xente que vive en casiñas de xeo?
E viven, e quen sabe si daquí a un tempo terán que vivir en casiñas de ladrillo e cemento, que son moito máis bonitiñas e quentes.
E algún día o mundo será unha construción feita a pico e pala, e chegarán as máquinas e marcharemos nós porque para todos non ha haber sitio nunha terra de cemento. Será cemento o ceo, e as estrelas pingarán masa polos catro costados; e o mar teso, acollerá fosiles de baleas e ourizos. E non haberá música que valga para amenizar os sentidos ¿sentidos? os ollos verán todo gris, as mans tocarán todo rugoso, a boca degustará todo amargo, e uliremos cheirumes polo nariz mentres resonan os martelos electricos nas calzadas.
Pode semellar todo isto moi dramático. Pero o Polo Norte sempre foi para min lugar de ensoñacións e virxindade. O feito de que lle chanten bandeiras acaba cos resquicios de fe que aínda me quedaban.
Sorpréndome mirando un combate de boxeo na televisión a altas horas da madrugada. Sucede algo que me atrae, mais non sei o que é.
Semella unha danza salvaxe, non hai cornamenta pero é como si a houbera, un corpo contra corpo, sen vantaxes inxustas nin trampas. No ring sucédense os versos. Cada golpe é unha palabra certeira que deixa baldado ó outro e instaura no escenario e ante o público, o poder do máis poeta.
Non hai outros instrumentos. O certo é que hai que ser valente para ser boxeador. E tamén hai que coñecer o significado da palabra respeto. Pecho os ollos (entreabertos) cando un médico se achega ao boxeador (no descanso do combate todo se paraliza) e facendo uso dun bastonciño mete nos cortes da cara unha especie de xelatina transparente.
Nunca pode haber sangue. A cor encarnada dictamina quen é o perdedor.
Sei que os boxeadores nunca deixan unha conta pendente. Iso gústame, esa capacidade de encher os días de xustiza non divina e suar a mala ostia onde ten que ser, e non na casa, nin na rúa, nin con outros máis pequenos que non son poetas.
O peor chega cando hai que loitar contra un contrincante invisible, que non existe. Inventar as palabras precisas para un inimigo que non se coñece, e chantarlle os puños na parte máis debilitada da súa lírica. O público bota pola boca todos os medos e o gañador ergue o orgullo contra o ceo e esgota o último suspiro de ira que lle queda no corpo.
A ira, ese estado violento, sempre a punto de explotar, que nos mantén vivos. ESPERTOS.
Unha persoa pronunciou hoxe a seguinte frase: vivimos un ciclo no que chove cada 18 ou 32 horas.
Nunca me parara a pensalo, pero pode ser que a choiva se esté a repetir cada equis tempo, e con ela, moitas outras cousas.
O termómetro debería superar xa os vinte graos, pero non hai forma de que suba a temperatura. Todo está quedo, baixo unha especie de ceo grisáceo que semella o cortinón dunha sala do século XV. Por iso non medran os tulipáns que plantei por xaneiro, e malia que hoxe as rúas estaban ateigadiñas de peregrinos e demáis especies turísticas, os meus pes negan a posibilidade de calzar unhas sandalias e ulir o vento.
Hai un aburrimento xeral pendurado nas paredes. E milleiros de nenas (vestidas como auténticas princesas) e nenos (vestidos como auténticos capitáns de barco) facendo a comunión e enchendo de griterío o silencio da mañá. Tamén iso se repite, xeración tras xeración, e mentres estes pequenos toman o corpo de cristo, penso eu en Benedicto XVI, que calza zapatos de Prada feitos a man, e unha vez ó ano realiza unha "colecta" que en só un día lle aporta 80 millóns de dólares.
Pregúntome si no Baticano tamén choverá cada 18 ou 32 horas, e se o papa sufre tamén tardes de domingo aburridas.
Comparto con vos esta miña poesía que ven de gañar o certame literario "Rosa de Cen follas". Podedes facer con ela o que queirades. Beber as letras, escupir os significados que non vos gusten, mollarvos cos silencios que inclúe ou impregnala da vosa propia forma de entendela.
Ahí vai:
TRANSXÉNICA
(o devir xa se amosa como algo inevitable)
Como transxénicos son os verbos que deixas no aire
fulminante ser de esperas
invasor desa parte de min desfavorecida
que vai contigo, extravagante.
Modificas xenéticamente e con pausa
o tremer do meu sangue si te ulo
e permito ese ingrediente proteínico que inmisce
dentro de min cambios e rancores,
esquecendo o que son, maleable,
disciplinada baixo un traxe de escorpión
no devir agro químico que empeora o meu metabolismo.
Somos auga (nun 70 por certo) De ahí que a lúa inflúa na xente, como inflúe nas mareas (Inflúe, incrédulos!!!)
Somos vento E o zierzo, e tamén o aire que sopra por entre as lousas dos tellados ten a capacidade de volvernos tolos
Somos medo por iso somos prisioneiros dunha lóxica estricta
Odio a lóxica como muller inestable que son, montaña rusa que todo o quere probar (porque busco).
Non sei o que busco, pero ando na procura de algo (eso seino) que vai aparecendo por momentos, en cachiños diminutos, e outras veces desaparece e penso que nunca o atoparei completo. Si puidera adentrarme en todas as disciplinas da vida, faríao. De pequena pintei, bailei, patinei, e todos os "ei" que puiden. Axiña cansaba e buscaba outra cousa, pero xa tiña unha experiencia e era quen de opinar.
Problema: a inestabilidade está mal vista nesta época. Non a inestabilidade do mundo (esa vai a máis, e conta co consentimento dos grandes directores do planeta) senón a das persoas. Os veciños poden buscarche etiquetas cando es unha desas persoas indecisas que salta dun lado a outro:
Pola contra eu defendo ese estado inestable dos humanos, porque é unha forma de estar despertos, porque para iso temos 5 sentidos (ou mais), porque nos anos que vivamos non debíamos caer nun modo único e preconcebido de ser, de estar. E a pesar de todos os intentos, seguiremos estando INACABADOS.
Xa o dixo Charles Chaplin: todos somos aficionados. a vida é tan curta que non da para máis.
Entendo que é a natureza a que prepara todo para que non pensemos nesa idea máis que de cando en vez. A morte, esa palabra maior, parte da vida que non quero aceptar, ó fin e ó cabo, un destino no que converxeremos todos, só diferenciadas as formas de chegar a el. Así é ata o momento, sen opcións nin excepcionalidades.
Non soporto pensar máis de cinco minutos na morte. Cando transcorre ese tempo decido pensar noutra cousa. Ou intento imaxinar o mundo visto desde arriba, moi lonxe, e así logro quitarlle dramatismo ó feito máis dramático da nosa existencia.
Quixera ter algunha creencia, por exemplo estar segura da reencarnación. Así estaría tranquila tendo a certeza de que algún día me convertirei noutra muller, que vivirá nalgún outro lugar e escribirá nalgún outro idioma. Podería ser árabe ou etíope ou galega, ou tamén paxaro criada nun deses niños con ovos turquesa, ou elefanta, ou búfala, ou cocodrila. Non me importa a forma si podo extende-la vida.
Hai unha palabra que encerra esa posibilidade e na que, agás os chamados a sí mesmos inmortalistas, ninguén cree demasiado. A crionización (técnica que preserva o corpo a certa temperatura, para que os órganos celulares non se oxiden). Estanse estudando as formas axeitadas de facelo, unha delas sustitue o sangue natural por sangue sintético) pero semella que aínda estamos ante unha ciencia utópica, chea de problemas e barreiras. Costa crer que cando morramos nos podan meter en probetas xigantescas a altas temperaturas, á espera de que a medicina avance e nun futuro nos podan desconxelar e volver a empezar.
Posiblemente non estamos preparados para confiar nesa opción de vida infinita, pero o certo é que a inmortalidade física xa forma parte das hipóteses do futuro humano. Con ela lograríase conservar gran parte do coñecemento que ata agora se perde coa morte (todos creamos unha especie de biblioteca vital dentro de nós mentres estamos no mundo).
Dentro de nós hai algo que nos di: "Non ten porque ser imposible". Por iso existen xa empresas que se enriquecen a costa do fraude da vida eterna. Non confío nelas, ulen a mentira e inmoralidade. Non me gustaría que fora un deses ladróns quen me despertase no ano 2113. Pero creo nos científicos e nalgúns inmortalistas que aseguran que a natureza non ten por que ser o arbitro final entre a vida e a morte. Adiantarse á realidade absoluta sempre foi un problema ó que as mentes avanzadas tiveron que enfrontarse históricamente. Si nun momento do pasado houbo xente que morreu por asegurar que a terra era ovalada, ¿porqué pecharnos absolutamente á idea de que nun futuro a humanidade viva para sempre?
Dese xeito, imaxino que cada vez seriamos máis persoas na terra, ata o punto de ter que emigrar dela por falta de espacio. Así estariamos obrigados dunha santísima vez a explorar outros planetas, outras galaxias, outros universos, e outros sitios para os que aínda non inventamos unha nomenclatura. E volveriamonos seres sociables e menos egocéntricos, e desaparecerían todalas relixións e nin alá nin xesucristo nin ningún outro deus bendito enfrontaría ás civilizacións. Desaparecería o medo e viviriamos con moita intensidade, probando moitas maneiras diferentes de vivir e de estar e de ser, e eu nunca volvería escribir sobre o tempo.
Con ese anaco de terror que me imprime a posibilidade de crionizarme imaxino o meu despertar nese ano 2113. Un ano case capicúa, no que conceptos como a velocidade, a loita, o espacio ou a alimentación, teñen outro significado. Imaxino roupa que non se mancha, coches invisibles e música por todas partes, saíndo das árbores e das portas e do polen que se pendura dos fios do aire. Non quero imaxinar un futuro gris destruído, senón verde e branco e con moitos soles laranxas tostando os días.
Son unha especie de frankestein, recompostos os cachiños do antes, aberta ós cachiños do mañá.
Sucedeu a mediados dos anos 50 en Chicago. Un ex-policía chamado Ted Serious descobreu que tiña a capacidade de fotografar os seus pensamentos. Nun primeiro momento aquelas imaxes so as podía fixar en branco e negro, pero co tempo foi desenvolvendo unha enorme capacidade de concentración, que lle permitiría plasmar as fotos da súa mente a toda cor. Moi pronto comezaron a estudiar o seu caso. Foron moitos os científicos que amosaron interese por este fenómeno. Neurólogos, psiquiatras, todos querían saber cal era o segredo para poder levar a cabo tremenda fazaña. E tanto quixeron saber, e tanto afondaron na mente de Ted Serious, que acabou por perder a súa habilidade. Como sucede nestes casos Ted foi olvidado axiña, e nunca máis se soubo del. Da súa técnica só queda patente unha idea: aconséllase empregar un diafragma medio e unha obturación lenta para levar a cabo as fotografías. Para pensamentos profundos, o enfoque deberá poñerse a INFINITO.
Si algunha vez puidera fotografar o meu pensamento, elixiría un momento espectacular, un deses días nos que pola mente vagan e camiñan deuses e sensacións para as que non se atopan palabras en ningún diccionario. Intentaría chegar a ese punto de concentración preciso para que a fotografía saíra con tonos azuis, laranxas e verdes. Posiblemente suceda cando me atope diante dun faro, uliscando o horizonte cos ollos semi pechados para non mollar a pupila, atónita, os pes espidos pousados na herba, pensando onde ir, espido tamén o pensamento, de toda correaxe.
Non se pode fuxir da primavera. O ceo pretende enganarnos desde o alto con bancos de nubes e tormentas. Pon en movemento un vento frío que paraliza todo intento de sacar as sandalias a pasear. Pero hai indicios indiscutibles, realidades que están moi preto de nós e que tiran con forza pola corda do mes das flores. Imposible deixar de amosarvos estas imaxes de niños que nesta primavera apareceron moi preto de min. Sorprendentes na súa perfección, convidan a miralos unha e outra vez na súa forma diminuta. Semellan ser fogares moi apracibles. Por un rato non me importaría ser paxaro.
Cando miro eses ovos penso na capacidade que os seus inquilinos terán para voar (e que aínda non imaxinan). Son afortunados se conseguen sobrevivir, se por exemplo non elixe ese niño un cuco para deixar un ovo. Porque entón os demais paxaros estarían perdidos. A cría do cuco sería moito máis grande que eles (poñamos por caso que se trata dun niño dunha lavandeira) e quedaría con toda a comida. A lavandeira, iría esgotando as súas forzas, incapaz de alimentar a un paxaro tan grande, case máis que ela. Acertado o refrán "É máis listo que un cuco". O cuco, egoísta, capaz de ir deixando ovos en casas alleas, para que lle los críen outros, e os alimenten. Un ser un tanto desalmado. Posiblemente a cría do cuco ha ter un sentimento de inferioridade con respecto ós seus supostos irmáns. Será unha especie de patiño feo, que nada ten que ver cos da súa estirpe. ¿Descobrerá algún día o segredo familiar? Quizáis se reencontre nalgures coas súas orixes. De calquera xeito trátase da primavera, desa época do ano na que todo florece, e os instintos saen a moreas dos recunchos máis inesperados.
Eu diría que a palabra é INCONDICIONAL. Claro que non todas as nais son nais, pero as que o son levan dentro delas algo, un inxerto de entrega, un microchip implantado nalgures que lles outorga a capacidade de perdoalo prácticamente todo. Diranme os científicos que todo iso non é máis que bioloxía, o puro instinto de supervivencia da especie humana. E eu direilles que non por iso deixa de ter algo de asombroso e moito de poético.
Hoxe vin pinturas creadas fai máis dun século. Cen anos atrás houbo mans creadoras de arte que imprimiron hoxe en min a certeza de que todo pode vivir para sempre. Sorolla e os seus contemporáneos é o nome da exposición. Nela, había moita xente dun cadro para o outro dando opinións científicas, artísticas, poéticas, místicas… eu asombrada namiña contemplación do pasado, asustada polo real desa muller que viaxa sobre o mar sentada nun barco veleiro. A pintura é de Ignazio Zuloaga (aínda non logrei atopala para poñela aquí), e a muller podería ser calquera, mesmo eu, mirando cara o pintor. O cadro está situado nun lugar perfecto, nunha parede que se ve desde moitos ángulos, non se pode fuxir dela, nin da mirada desa moza, nin das pingas do mar que saltan e salpican as mans e a roupa.
Posiblemente nunca saberei quén era ela. Como non sei nada dos meus antepasados. Só creo coñecer polo que me contaron, algo dos meus avós e bisavós. A partir de aí hai un baleiro que me produce vertixe cando o penso moito. ¿A qué estirpe pertenzo? ¿Quén foi miña requeteavoa no Medievo… ou na idade de pedra? Quizais tiven un avó pintor rupestre que deixou a súa pegada nas xeracións daquel futuro que é hoxe, ou mañá…
Comprendo entón o difícil que é saber todo de min cando non sei nada deles. Na escola deberiamos ter unha clase de xenealoxía, e aprender cada un de nós (ou alomenos os que sintan interese) a facer unha árbore desas que te levan a descubrir de onde ves, e a saber pois, máis ou menos, cara onde vas.
Por iso me gustan as fotos de antes e as casas que xa sen paredes nin fiestras pechadas, manteñen algo da vida que nelas se enxendrou. E sinto algo inquietante cando vexo unha desas paredes laterais dun edificio ó que lle quitaron a casa do lado, que deixa ante os ollos a forma de cada habitación, cada unha dunha cor distinta, e os banzos das escaleiras que subían dunha planta á outra. Houbo xente que naceu e morreu nesas casas, houbo radios acendidas e guerras familiares e segredos.
¿Qué dirá de min a miña casa cando quede espida dese xeito? ¿Qué dirán as miñas palabras e os meus silencios…?
Saiba que o O Verde de malaquitaé un colorante verde, activo fronte a unha gran variedade de parásitos externos e axentes patóxenos como fungos, bacterias, etc. A súa principal aplicación é para o tratamento contra parásitos de protozoos de auga doce. Polo tanto se vostede é un deles, lembre que pode ser perigoso, punzante, e repelente, ou todo o contrario... sempre e cando deixe por aquí unha boa pegada de ser.
SOBRE MIN
Laura Peña Moscoso
Laura Peña Moscoso. Habitante transxénica en continuo proceso de mutación