31/07/08

A NENA




Arredor das dez da noite, camiño cara á casa mirando ó chan. Según as ganas que teña de atopar un tipo ou outro de cousas, miro cara arriba (ceo) ou cara abaixo (chan), mais o resultado non é sempre merecible de escribir nada, nin emocionante. No camiño atopei escaparates que me devolvían a miña propia imaxe fugaz, e descubrín que si quero podo camiñar case voando. Nada interesante nos meus pasos, ata que saíndo da zona máis vella da cidade din en cruzar cunha neniña que tería cinco anos.

Tamén ela camiñaba en volandas, aferrada á man do pai que tiraba dela sen parar a pensar na lonxitude das súas perniñas de nena. O rostro dela denotaba un certo aburrirse, quizáis andaba cansa de pisar rúas empedradas e ver punkis intentado facer malabares, e un bispo paseando o seu atuendo de bispo, e ensaios de grupos folklóricos que resoan por todas as ruelas, e alá ó lonxe, na alameda as barracas, cada vez máis lonxe.


Xusto no preciso momento en que os nosos pes se cruzaban escoitei da súa boca, unha sentenza irrebatible:

- ¡A mi no me gustan las catedrales!

30/07/08

METAMORFOSE


Empezarei polo final para explicar o principio. Aquela era unha muller vella de pelo cano e engurras que un día fixo un pacto co demo para volver a ser unha muller nova. Cansa como estaba de a penas poder andar, de ter a pel caída e os ollos cansos, preferiu formar parte do lado escuro a cambio de rexuvenecer.

O proceso comezou unha noite de maio. Espertou na madrugada con sede, e cando se ergueu para ir á cociña e coller un vaso de auga, descubriu que o espello lle devolvía a imaxe dunha muller atractiva de cincuenta anos. Quitou o camisón para admirar os seus novos peitos, as pernas fortes das que agora podería gozar, o rostro favorecido anque quedo pola incredulidade. Ó día seguinte comezaría unha nova vida. Sería como volver a empezar.

Mais a medida que pasaron os días o seu físico e a súa mente seguiron mudando. Minuto a minuto foi retrocedendo no tempo, cada vez máis fermosa de corpo e de espírito. Chegou ós vinte anos e comezou a saír polas noites cos seus netos. Pero pronto tivo que deixar de saír e comezar a estar baixo as ordes dos máis maiores. Os seus fillos convertéronse en pais autoritarios que non lle deixaban facer nada e non a comprendían. Estaba pasando a adolescencia, só tiña doce anos.

Foi entón cando comezou a pensar no futuro, no final. Si seguía rexuvenecendo chegaría un día no que se había converter nun bebé, e logo nun feto, e despois de pasar nove meses pechada nun útero… entón desaparecería.

ACARIÑA CO RATÓN Ó LOBO ROSA





28/07/08

MICRORRELATO 1




As dúas irmáns permanecen sentadas no chan facendo que xogan. Entre mans teñen unha conversa importante, un descubrimento. A maior (seis anos) procede a explicarlle á irmá pequena (catro) que os esquimós non existen.

- ¡Pero cómo podes pensar que hai xente que vive en casiñas de xeo!


A ilustración é de Roselino López, un artista que atopei neste mar de mares poboado de redes

CONSTRUCIÓN DO EXOESQUELETO

“Os humanos poderán transformarse

en superhomes nun futuro próximo”

Yoshiyuki Sankai

De súpeto un día mudan de significado os espacios

e as esperas nos andares do tren son quentes e azuis.

Visto un sombreiro que volatiliza o meu pensar

construíndo respostas a medida

(20 cm de verdade e 90 de altura patolóxica)

deste manequín de madeira que porto baixo a pel,

exoesqueleto para materializar os matíns

que caen un tras doutro como un dominó.

Teño unha sobrepena tapando a boca

impide a saída dos seres viscerais que conviven

no estómago, transmontanos, usuarios por orde da utopía

no reino dos adentros.

Trasládome iriseira, deixando unha pátina invisible

e existente

existo

arremuiñando os medos e os fíos que me bulen por dentro

coordenadas que puntúan as mans, a lingua, unha pupila precoz

un sinónimo de vixencia

que me nego a abandonar.



09/07/08

OJEANDO


Colgo unha proposta no aire deste blogue para todos os amantes da música e da luz do sur. Prometen que o encontro coa maxia estará en cada rúa. Eu declárome festivaleira. ¿E tí?

03/07/08

PUBLICIDADE DO AMOR

Pintura de P. Romay


Camiñando pola rede de redes unha frase roubou a atención dos meus ollos, e en seguida comezaron a latir...

"Si no te enamoras, te devolvemos el dinero"

E ó lela din en imaxinar qué pensarían os ananos liliputienses, as momias exipcias, as amebas e o resto de seres vivos ou mortos que nalgures manteñen gardada unha cousiña pequena-grande (chámeselle sensibilidade- paixón) ante a vida.

A frase provén dun anuncio publicitario dunha páxina web de contactos, e teño que recoñecer que goza dun compoñente divertido e irónico. Por iso é un bo reclamo, atrae a risa fácil e logra unha certa complicidade cos lectores. Mais eu metida nesta micro-cápsula, nun punto ínfimo do universo me pregunto: ¿É o amor cousa de supermercado e eslóganes?

Deberei abrir a mente, malia que me doa, a outras concepcións do termo "AMOR". Non son unha criatura acérrima do romanticismo, pero deixei de ler na metade o último libro de Eduardo Punset (el viaje al amor) sobre o tema, por mor de que me quitara a ilusión para sempre.

El empéñase en codificar o amor e simplificalo a unha ecuación matemática, e eu non deixo de ver nesa posibilidade científica un futuro aterrador no que os homes e as mulleres se podan namorar á carta.

A rede comeza a dar esa oportunidade, por outra banda totalmente respectable. Só hai que teclear unhas letras e de súpeto atopas ante os ollos un sen fín de fotos de xente guapísima, listísima, interesantísima, e coas tuas mesmas inquedanzas e opinións sobre a vida, e coa cor de ollos que prefires, e si queres tamén podes pedir que o teu futuro marido sexa un deportista de elite ou astronauta, porque os da empresa (non esquecer que isto é un negocio e pagas para namorarte) garantizan que si non quedas satisfeito coa experiencia, che devolven os cartos.

Chámenme clásica ou aburrida, pero quero seguir vivindo na inopia, pensando que o amor é algo que nunca terá explicación nas enciclopedias, porque ahí radica a súa forza, porque sucede un bo día no que, normalmente, non queres que che suceda nada. E nunca namoras da persoa que debías namorar, pero así pasas a vida descubrindo que hai outras formas de vida, pelexando por chegar a acordos, desenvolvendo a capacidade dialéctica que todos temos na punta da língua, reconciliando rancores, e disfrutando da maxia coa que só disfrutan os nenos cando van ó circo por primeira vez.

02/07/08

VOLARE


Hoxe, un día para "volare". Estiven nun lugar de fronteira entre terra e mar, a piques de entrar en Asturias, nesa parte que tamén podería chamarse fin da terra. O mar en Rinlo (na imaxe) estaba bravo e convidounos a comer un arroz de marisco no restaurante "A cofradía". Un día con sabor a salitre e cheo de persoas amables. De súpeto atoparon os meus ollos un billete vermello de dez euros disposto a sacar un sorriso da primeira muller que dera con eles, e que fun eu.

Eu, que sigo maravillada coa capacidade de emoción que manteño nos adentros. Impresionable ante unha paisaxe verde e azul como a de hoxe, semellante a un óleo cheo de fosforitos e faros.

Despois, viaxe de dúas horas cara a Santiago. Hai días nos que me gusta conducir. Os limpas funcionando a todo meter cando pasabamos por baixo de nubes molladas, e a estrada brillante, e tamén paraugas camiñando polas cunetas e no ceo un arcoiris que roubaba de mín toda a atención.

Nestas andaba cando na radio sonou unha canción brillante polo optimismo que desprende. Volare, dos Gipsy Kings.

O camiño podía ser xa por calquera lugar...