
Algúns din que volvo ser unha persoa "normal", sen saber eu moi ben o que iso significa. Posiblemente o din porque de novo teño unha rutina, uns horarios pre-fixados que non podo esquivar, e algunhas outras cousas que me permiten formar parte das persoas normais deste mundo.
normal, adxetivo. 1. Conforme á norma, ó que é o máis frecuente ou habitual. 2. Que segue as normas da especie [ser vivo]
SINÓNIMOS: común, corrente, ordinario.
ANTÓNIMOS: especial, excepcional, extraordinario, insólito. .
Quizáis non debía haber palabras únicas para definir ás persoas, así dun xeito tan contundente. Todo ser humano merece ser calificado con matices, para que poda saber o que o une e o que o separa do resto da especie. E para que os demáis tamén o saiban, e o respeten.
Cando teño tempo de pararme a mirar detidamente, observo ás persoas que se cruzan no camiño polo que ando. En ocasións espertan tal curiosidade en mín, que a ollos doutras persoas, que tamén me poden estar a observar nese intre, debo parecer unha "común, corrente e ordinaria" descarada. Pero posiblemente as mulleres e os homes sexan un dos elementos que máis me atraen e interesan no mundo (por ser especiais, excepcionais, extraordinari@s e insólit@s)
Cada día xogo a imaxinar a vida (pasado e futuro) da xente. Un señor que canta boleros e toca unha guitarra escacharrada polas terrazas da cidade, como se cada terraza de cada bar fora unha pequena corte dun rei, e él o encargado de amenizar as aceitunas e as cervexas dos alí presentes. É intelixente, amolda as cancións á súa voz e así nunca desafina (ou quizáis tería que vir un deses xuíces da televisión a explicarlle o que é a música). O que ninguén lle poderá explicar é o que é a rúa, e imaxino eu que tamén saberá de medo e de fame, e por suposto de mulleres lindiñas e mares verdosos e desertos. Quén sabe si agocha unha pistola na mochila desgastada que porta ó lombo...
Non sempre somos conscientes, pero a imaxinación (Facultade de formar na mente imaxes de cousas reais ou irreais, materiais ou abstractas.) nunca se detén, sempre anda a cavilar e a soñar, e a ter pánico nos garaxes escuros, e nervios por cousas que nunca han pasar. Ás veces pode ser perigosa e crear plans escuros e delictivos. Porque os malos non sempre son tan malos como nas películas do Oeste, nin os bos tan boíños como nas de Walt Disney.



