11/09/08

ASÍ PODERÍA SER O MUNDO NO FUTURO...

Ilustración de Bárbara Wagnerobá.


Señores e señoras, o acelerador de partículas foi posto en marcha. A comunidade científica agarda con emoción e ollos expectates o que poda suceder no seu interior, igual que un can adoita agardar o xesto do seu amo para saír de paseo.

A gran maioría do resto do mundo agardamos doutro xeito. Eu albergo unha certa dose de curiosidade, sobre todo despois de escoitar a un científico independente (que tal vez esté cabreado por non formar parte de tan enorme experimento), que asegura a fin do mundo pola maldita máquina.

Seica ese acelerador vai reproducir as condicións nas que se creou o mundo, o que pensamos coñecer del. E dí o home cabreado que o que van facer é crear un inmenso furado negro que vai tragar a terra e todo o que ela contén, incluídos nós, incluídos vos que ledes esta parrafada...

Nese caso, haberá que escoitar unha boa canción antes de partir cara outros lares máis escuros, e posiblemente cheos de aventuras. Ahí vai:

05/09/08

A CHOIVA



Non tod@s miramos a choiva da mesma maneira. Tampouco o ceo significa o mesmo para todos. Pero ¿por que abrimos tanto os ollos ante as cousas que veñen del? ¿de onde sae a forza dos elementos que baixan desde as alturas, de todo o que imaxinamos alá...?

Non sei de qué xeito, pero a choiva pode converterse en música en certas ocasións especiais. Bate contra todo o que atopa, refregando gotas contra os tellados e marcando o ritmo dunha vida mollada e quieta. A choiva ten a estrana capacidade de deter o tempo. Só por esa cualidade consegue gustarme un chisquiño. Pero enfádame cando me converte nunha muller carente da suficiente personalidade, como para poder enfrontarme ós orballos, treboadas e demáis formas húmidas do ceo, sen ter medo de mollar a pel. Quixera ser como outros animais, camiñar baixo o seu manto frío sen preocuparme polo baixo do pantalón que comeza a enchouparse, ou polo pelo que se alporiza, ou pola catarreira á que podo sucumbir (que importarán as posibilidades...) mañá ou pasado.

A choiva ten moitas posibilidades neste mundo. Non sei noutros conxuntos planetarios, pero aquí si. Quizáis ben empregada consiga alegrar á xente (ata o momento ten máis efectos depresivos, pero quen sabe...).

O que está claro é que esas gotas que veñen do máis alto así tan friíñas son enerxía pura. Así o asegurou un día Jean Jacques Chailout, da comision de enerxía atómica Francesa. El e os seus colegas caeron na conta dalgo muy interesante: cada vez que unha gota de choiva toca o chan, é unha oportunidade de enerxía perdida. Cada pinga ten unha enerxía de impacto distinta, dependendo do seu tamaño. Deste xeito, unha boa gota podería xerar ata 1 milijoule de enerxía.

Esta tarde, metida na burbulla do coche, protexida do diluvio que caía, miraba esvarar as gotas por diante dos ollos, e matinaba nestas loucuras transitorias e en qué tipo de empresa ou aventura podería emprender co orballo como fonte enerxética... e mirando e mirando din en ver que todos os que andaban polas rúas se abrigaban e fuxían dunha molladura asegurada. Os máis afortunados camiñaban protexidos pola sombra dun paraugas.

Unicamente el permanecía no medio da rúa, impasible, máis endurecido que o propio asfalto brillante, e que as farolas brillantes, e que os paraugas brillantes e que os cristais brillantes das fiestras pechadas. Na man, varios paquetes de klinex, e ninguén disposto a baixar a ventá do coche para mercar un deles.