
O pasado.
o futuro non existe sen él. A mente seleciona o pasado que quere recordar. Garda pequenas partes do antes en caixas cerebrais. Non temos acceso a todas elas. Ou iso cremos. Ou iso queremos.
A algunhas caixas si que chegamos. E as mans cerebrais gostan de remexer nelas, remexer ata facer feridas nas mans. Algúns pasados asustan, porque xa non volven, porque non é a vida un casete con botóns de ir para adiante e ir para atrás. Podemos rebobinar un pouco, sutilmente, para escoitar só o ritmo daquela melodía que doe, só unha sensación, case sempre escapan as cores.
Do meu (pasado) lembro momentos ilexibles. Queren collelos os meus dedos cerebrais e apertalos ata que saia a esencia deles dunha vez por todas para fóra.
Pola contra, sei moi pouco dos meus ante- pasados. Dos que viviron antes do meu recordo, dos que foron impulsando en min as ganas de ser como son ou non son, o xeito de vivir que me domina. Descoñezo as súas caras, o que dicían, qué libros leron ou cantas veces por segundo mentiron na súa vida.
É posible que na miña loita despiadada co pasado constrúa a miña árbore xenealóxica.
Seguramente, a partir de agora gardarei nunha caixa extra cerebral algunhas partes de min, para que os meus fillos e os fillos dos meus fillos, e tódolos fillos do futuro comecen a ter unha resposta á triple pregunta maldita:
¿quen somos? ¿de onde vimos? ¿cara onde marchamos?







