25/12/08

RADIOGRAFÍA DE NADAL




Do nadal, hai algunhas cousas que me gustan. Os pinos, por exemplo, que envían sinais secretas desde os balcóns, desde detrás dos cristais empañados dos fogares. Vaias por onde vaias, viaxes por onde viaxes, esas árbores ornamentadas contan historias. Detrás delas, case sempre hai un neno ou unha nena, mans miudiñas que penduraron bolas e luces, mentres as súas mentes pequenas soñaban con reis magos bondadosos e cabalgatas e turróns de chiculate.

Do nadal é difícil fuxir, cando saes á rúa, méteseche entre o forro do abrigo, e xa non che sae ata o 7 de xaneiro. Non seguirei a última moda do odio navideño. A pesares da tristura que provoca a ausencia dos que marcharon, nestes días de obriga familiar, de obriga a estar contento (hai sinais por todas partes de obriga á felicidade).

Con todo, as árbores de nadal semellan ser enviados especiais dun reino máxico. Unha mensaxe comunitaria na que participa a sociedade silenciosamente, dicindo: non estamos tan solos, no fondo parecémonos bastante.

15/12/08

ENSOÑACIÓNS 2



[Título da Ilustración: Waiting for you]

No minuto 42 das catro da tarde, loita por lembrar o que soñou. Facía tanto tempo que non soñaba nada...! Facía meses que se tiña que conformar cos espertares austeros de quen non soñou nada, de quen vagou pola noite escura de todo, sen poder agarrarse á sensación de estar vivo noutra vida, que adoece cando se abren os ollos, logo dunha noite de soñar.

Non é quen de lembrar moitas cousas. O soño reaparece agora en forma de sensacións, anaquiños dunha realidade morta. Si que sabe que no soño había un reloxo (sempre a obsesión do tempo, do seu paso egoísta polas persoas, e tamén estaba OtO, o can que é capaz de sorrir.

No soño había cousas que esvaran das mans, e pedras que caen do ceo, a modo de granizo. Unha nena loira con coletas danza ó ritmo da oitaba sinfonía de beethoven (Os nenos levan o ritmo no corpo, porque lembran os latexos do corazón da nai. Despois pérdeno, a base de escoitar sereas de ambulancia, bandas sonoras de películas e gritos de veciños que discuten).

No minuto 56 das catro tarde pensa que sería interesante escribir o que soñe a partir de agora. Deixar constancia desa outra vida, dese outro modo de estar no mundo sen mover os músculos. De calquera xeito, neste (mundo) que sentimos como verdadeiro, tamén quedamos paralizados, como nunha fase REM, abrindo os ollos e pechándoos a toda velocidade, ante cousas que suceden, ante o que vemos,

sen facer absolutamente nada.

05/12/08

MICRORRELATO II




Venres pola noite. Fóra, chegou xa o temporal que anunciaron os informativos durante toda a semana. É posible que neve por baixo dos catrocentos metros. Pola contra, no interior da vivenda fai calor, e alumean os corpos da parella, anticipándose ó que virá cando remate a cea. Unha cea romántica, que el prepara con agarimo. Buscou a receita na internet, para sorprendela a ela, logo dunha dura semana de traballo, na que os horarios a penas lles permitiron verse. Solombos de porco con mazá, acompañados por un viño tinto que agocha sabores de vainilla.

Ela non cociña esta noite. Limítase a pinchar cancións no ordenador, vai facendo unha lista coas que máis lle gustan, con todos eses temas que lle revolven as tripas. De cando en vez, e sempre sen que el o perciba, mira o seu xeito de estar na cociña, o coidado co que pica as patacas, as cenorias, as mazás. A delicadeza á hora de reducir a salsa de sidra e caldo, o amor que aplica en cada un dos seus movementos. Interiormente, ela pensa a sorte que ten por ter atopado a un home tan marabilloso, ás veces incluso pensa que non o merece, que non merece ter unha persoa así ó seu carón.

Aínda son novos, non cumpriron os trinta anos. Mentres el comeza a poñer a mesa para cear, ela decide escribir ese momento, deixalo impreso nun papel, para non esquecer nunca as pequenas cousas. Sabe que el é a persoa coa que ha de pasar o resto da súa vida.

O que non sabe é que el chegou a un punto tal de desesperación, que planea envelenala nesa cea. Matala. Para non ter que vela nunca máis.

04/12/08

DE MONOS



[Ilustración de David Vela]

O poema conta unha historia. O conto dos monos
nunha gaiola.

Alí viven argallando a maneira de saír un día (cando perdan o medo).
Hai un ser que os vixía desde fóra, quizais desde arriba
semella estar preto do sol cando alumea
pola noite na man unha lanterna.

Viven argallando e queréndose. Algúns
regálanse elementos como caricias [mais é pequeno o lugar e miran expectantes
e imaxinan cara fóra. ]

Aparece en escena o ser vixiante. Para alimentalos
extrae plátanos amarelos que pendura das polas
do ferro da gaiola. É boa a imaxinación para imaxinar
que os barrotes son árbores. Teñen fame. O estómago eleva os
impulsos e as ánimas.

Isto é un experimento (eles nunca o saben).

Coller o plátano é duramente castigado
tormenta de xeo sobre as cabezas (os deuses enfadados)
e a poucos van contendo as ansias e os ruxires da barriga
e algo así como o medo
apoderase do todo.

Os que chegan por primeira vez á gaiola aprenderán
(non se debe coller comida da que pendura polas árbores)
e irán morrendo uns, e virán outros e sen saber razóns
os do futuro seguirán sen comer.

Todo por non abrir a maldita porta da gaiola.

02/12/08

SE A AUGA É SEMPRE A MESMA


[imaxe de nicoletta ceccoli]

Exactamente levo dez días sen saír da casa. Toda unha aventura. Seica fóra fai frío, nevou por baixo dos 400 metros, e os camións paralizaron o tráfico rodado de moitas estradas.

Sei tamén que os escaparates rezuman nadal, e desde a rúa percíbense interiores de casas abarrotados de adornos dourados, árbores taladas ou plastificadas, e cartas para os reis magos.

Nestes momentos a choiva peta no cristal das fiestras. Algunhas gotas cólanse para dentro do sala, en forma de condensación. E penso:

Si a auga do mundo é sempre a mesma, esa auga que viaxa por distintos estados materiais, evaporándose do mar, subindo ó ceo, caendo á terra, e volvendo ós ríos e ós mares de novo... se nunca se crea unha auga nova... entón a gota de chuvia que teño a piques de caer sobre o chan da miña casa, podería ter estado antes a piques de caer sobre outro chan, nalgún momento antes de cristo, quitándolle a outra muller as ganas de saír da cova.