25/01/09

NEGANDO A PLASTIFICACIÓN DOS DÍAS


[Ilustración da xaponesa Aya Kato]

Podo ser máis violenta e estéril - rexeito as mans do pulidor
saltear os estigmas que me imprimen - porque son equilibrista
os pensadores amargos do mundo aparencia - das metáforas do embuste
lugar de trazas demarcadas no silencio - omitidas
absolutas - relativas
decadentes - poderosas.
Podo ser unha crisálida e escarvar - viaxo ó interior das mentiras
ser enxurro dos motíns que me transmiten - transporto A.D.N. reaccionario
oriúnda do lugar da organoxénese - desenvolvo os ruídos e a semente
propia, matizada, vagabunda - axeonllada, uniformada e detida.

Mutilada estou - logo recollerei os anacos
deixando as partes completas no crematorio - para facer un colaxe de pingallos
acepto ser mimética das condicións - si, quero
que me obrigan - polos séculos dos séculos
ou me deixo - ata que a morte nos separe
sen romper esa parte romántica que cae das nubes - personaxe de ficción que manca
aceda - portadora dunha manta de dozura
sorbendo de inmediato a historia - ELA cuspe o tempo
chea de irmáns e primos e avoas - todos parcelados no final
irascible - así é a morte, e eu
negada ante a plastificación dos días - teño un rostro postizo
falsamente colorada nas meixelas - e formo a toponimia dunha época
belicosa nos amenceres que me acenden - e son volcán ante
unha luz que nunca vira - a lembranza imposta.
Esporádica - son frecuente
semellante a unha avespa adormecida - gardo mentol nos recordos
non sucumbo á hipnose dese xeito - prefiro mirarte hoxe
prefiro ser desinfectada - virxe

1 comentarios:

Raposo dijo...

Habería que prohibir:
a plastificación dos días,
as flores de poliuretano,
os aramios da liberdade,
as fotocopias dos sentimentos.