05/03/09
ESTÁS AQUÍ PARA SER FELIZ
Nunca devecín pola coca-cola, nin fun quen de beber un sorbo dela, sen que o gas se me escapara polo naríz e me choraran os ollos. Tampouco sinto unha especial curiosidade pola súa receita secreta. Pola contra, existen numerosas críticas contra unha das empresas multinacionais máis destructivas do planeta.
Con todo, extraendo esa parte nefasta que me fai burbullas na conciencia, teño que recoñecer que non logro fuxir da oleada de emocións que me produce o último anuncio desta marca de refresco.
Estás aquí para ser feliz. Ese é o lema do spot, que durante un minuto e trinta e dous segundos, remove a realidade, bate os medos, inflúe no estado húmido dos ollos, adereza as ganas de vivir, e licúa as ganas de morrer. O primeiro que se escoita no anuncio é o latexar dun corazón. O de Aitana Martinez, que está a piques de nacer. Para cando chega ó mundo, conta xa coa visita de Josep Mascaró, un home de 102 anos que en catro frases lle resume as cousas importantes da vida. A sorte de ter sido unha célula elixida para nacer, os abrazos, os amigos, o amor, a facilidade que ten a humanidade para, ó final do camiño, esquecer un pouco os momentos malos e darlle prioridade ás alegrías. Josep realiza unha viaxe quilométrica para trasladarlle esa mensaxe a Aitana. A súa man chea de engurras, acariñando á pequena man recén saída ó mundo.
Algo se me revolve cada vez que o emiten. Non acabo de asimilar a relación entre a mensaxe e o producto. Tampouco quero atopala. Quédome coa mirada ilusionante dese home que xa viviu un século, con todo o que aínda lle queda por facer, malia ter pasado xa da mal denominada terceira idade (por qué non quinta, ou vixésimo cuarta...?)
Confudidos, eliminamos a certas persoas da actividade social, esquecemos a súa individualidade, as eleccións que aínda son quen de facer. Olvidamos que poden ter a chave para saber cómo enfrontarse a unha crise, para detectar a esencia secreta que nos pode levar á felicidade.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)

2 comentarios:
Encantame o anuncio e encantame o que pos sobre del,e unha realidade,o importante da vida condensase en esas catro cousas que o abó relata a nena.Todos os anuncios de Coca Cola son moi bos,estan estudados para chegar o corazón da xente.
Terás os teus saltimbanquis,como non?.Moitos bicos.
Hai que recoñecer que si algo saben facer ben os da Cocacola son os anuncios.
Publicar un comentario en la entrada