30/01/09

IMPERTINENCIAS DO ESPÍRITO



[Adiós. de Iván Prieto]

Encho caixas de memoria.

Un xuro postal emite pálpitos para o futuro. No futuro, será o pasado e estaremos mortos.

...pero eu creo na crioxénese das palabras, e as pisadas que imprimo deberán guiar outros camiños, enlazar as mans de sangue, ósos por riba doutros ósos, e a terra afundíndose cada vez máis, e estas palabras depositadas, como cinzas, noutro epicentro de vida e lume, preto do comezo
da biodiversidade. Preto das mans pequenas do que empeza a construír algo.

Algo así como a impertinencia do espírito que decide volver.

25/01/09

NEGANDO A PLASTIFICACIÓN DOS DÍAS


[Ilustración da xaponesa Aya Kato]

Podo ser máis violenta e estéril - rexeito as mans do pulidor
saltear os estigmas que me imprimen - porque son equilibrista
os pensadores amargos do mundo aparencia - das metáforas do embuste
lugar de trazas demarcadas no silencio - omitidas
absolutas - relativas
decadentes - poderosas.
Podo ser unha crisálida e escarvar - viaxo ó interior das mentiras
ser enxurro dos motíns que me transmiten - transporto A.D.N. reaccionario
oriúnda do lugar da organoxénese - desenvolvo os ruídos e a semente
propia, matizada, vagabunda - axeonllada, uniformada e detida.

Mutilada estou - logo recollerei os anacos
deixando as partes completas no crematorio - para facer un colaxe de pingallos
acepto ser mimética das condicións - si, quero
que me obrigan - polos séculos dos séculos
ou me deixo - ata que a morte nos separe
sen romper esa parte romántica que cae das nubes - personaxe de ficción que manca
aceda - portadora dunha manta de dozura
sorbendo de inmediato a historia - ELA cuspe o tempo
chea de irmáns e primos e avoas - todos parcelados no final
irascible - así é a morte, e eu
negada ante a plastificación dos días - teño un rostro postizo
falsamente colorada nas meixelas - e formo a toponimia dunha época
belicosa nos amenceres que me acenden - e son volcán ante
unha luz que nunca vira - a lembranza imposta.
Esporádica - son frecuente
semellante a unha avespa adormecida - gardo mentol nos recordos
non sucumbo á hipnose dese xeito - prefiro mirarte hoxe
prefiro ser desinfectada - virxe

19/01/09

O AVARO




Posiblemente é a persoa máis aterrada do planeta. A súa mente agocha moitos coñecementos de física cuántica, estratosferas, liturxias, sociedades do benestar, mentiras mundiais, arquitectura, arcos concéntricos, sons, química. E un longuísimo etcétera que non collería neste post.

A cuestión é que é un home de ciencia. Ou unha muller, iso non importa. Pero debería estar feliz, por saber tanto, porque a vida lle ofreceu tempo e oportunidades dabondo para adquirir coñecementos a mazo. Quén lles dera a outr@s...

Pola contra, a persoa en sí da que falo, rezuma terror polos ollos. Vive nun contínuo mar de nervios, nunha alfombra de desconfianza, que lle fai tremer ante a obriga de saír ó mundo cada día.

Ten dentro de si un tipo de avaricia moi común. É un avaro do saber. E o que non sabe, é que o coñecemento desaparece, morre, cando non se comparte.

06/01/09

ENTRAÑAS


[Imaxe de Marina Bychkova ]

Teño un calefactor de soños. Serve para converter o que me das en lume
e abarata os custes das entrañas (aumenta capacidades para sentirme boneca)
nos ollos ilusionismo e variados trucos, acondicionador de palabras se me tocas o cabelo
malévolos sons pola beira dos peitos de cristal, cristalinas son as veas desta enfermidade opaca
e das entrañas
sae algo así como de maternidade, unha fatigosa esperanza
de volverte a ter
nos meus brazos de boneca asustada.