10/02/09

APOLOXÍA DE DEUS


[Obra de Frida Khalo]


Unha das primeiras cousas que fai ó erguerse é escoitar este tema:


Despois, recibe noticias do ceo, en forma de granizo. Mantén unha conversa sobre as posibilidades de elixir a propia morte. Hai unha moza da que hoxe fala unha parte do mundo. A moza xa non está, pero esa parte do mundo segue a falar dela, e a Igrexa menciona que aínda podería ter fillos, e a palabra asasinato sae de bocas que quedarán inmunes por dicir "asasinato".

Trátase de sentir. Por iso o peor que lle pode pasar a unha persoa é caer nun estado de apatía, de insensibilidade interna e externa.

Trátase da liberdade que nos outorga ou nos quita o propio corpo. E ante iso, a apoloxía moralista e mentireira de deus, non ten nada que facer.

03/02/09

UNIVERSO EN EXPANSIÓN


^[la muerte de dorothy, Daniela Edburg]

O número cósmico N viaxa polas mentes.

Unha criatura seca (o corpo humano adulto está formado por auga nun 60 por cento) divisa un furado na súa estratosfera.

A criatura está cansa, a eternidade da que goza converteuna nun ser hipócrita. Aburrida,
indaga noutros posibles mundos (o universo é infinito).

Curiosa palabra (infinito) a que de- fin- e o que non podería ser definido doutro xeito, o que non ten cabida en ningures. E moito menos na mente humana.

A mente, o universo máis infinito que nunca alcanzará esa palabra. Pésanlle moito os restos mortais, como a pereza e o medo.

Sempre alzando os ollos, indagando máis alá da propia estratosfera mental, minimizando as nebulosas das rexións propias.

Ignorar posibilidades é a especialidade desta raza.