Un lugar de ensoñacións e paradoxas, onde se permite a contradicción por riba de tódalas cousas. Unha casa de recordos e estorniños, e de "Every time" sen agullas de reloxo. De causas e cousas perdidas, e imaxinería e amuletos. De protestas e tolemias e disfrazes suspendidos no tendal. De magos e chistes e circos perdidos, así como de medos abatidos e cristais. En definitiva, ilusionante.
Camiño a gran velocidade por entre a terra. O sol ameaza con desaparecer. Na mirada, sei que levo algo así como de fuxidío, como de esperanza. Alguén me persegue, desde unha posición anónima. Eu seino, pero preséntome incapaz de xirarme e plantarlle cara. Quizais non teña rostro, tal vez convertinme nun ser imposibilitado para a vinganza. Rastreo o meu entorno cunha mirada distinta. Como esa capacidade visual da radiación infravermella, con auténticos ollos- máquinas.
Antes pensaba que nunca sucumbiría á hibridación. Pero un día vinme aceptando toneladas de maquinaria pesada, mastigando aceites e demais caprichos corpóreos, trasladándome en veloces aparatos raptores, confiando os meus soños ao destino dunha humanidade caótica e condenada a desaparecer.
Nunca devecín pola coca-cola, nin fun quen de beber un sorbo dela, sen que o gas se me escapara polo naríz e me choraran os ollos. Tampouco sinto unha especial curiosidade pola súa receita secreta. Pola contra, existen numerosas críticas contra unha das empresas multinacionais máis destructivas do planeta.
Con todo, extraendo esa parte nefasta que me fai burbullas na conciencia, teño que recoñecer que non logro fuxir da oleada de emocións que me produce o último anuncio desta marca de refresco.
Estás aquí para ser feliz. Ese é o lema do spot, que durante un minuto e trinta e dous segundos, remove a realidade, bate os medos, inflúe no estado húmido dos ollos, adereza as ganas de vivir, e licúa as ganas de morrer. O primeiro que se escoita no anuncio é o latexar dun corazón. O de Aitana Martinez, que está a piques de nacer. Para cando chega ó mundo, conta xa coa visita de Josep Mascaró, un home de 102 anos que en catro frases lle resume as cousas importantes da vida. A sorte de ter sido unha célula elixida para nacer, os abrazos, os amigos, o amor, a facilidade que ten a humanidade para, ó final do camiño, esquecer un pouco os momentos malos e darlle prioridade ás alegrías. Josep realiza unha viaxe quilométrica para trasladarlle esa mensaxe a Aitana. A súa man chea de engurras, acariñando á pequena man recén saída ó mundo.
Algo se me revolve cada vez que o emiten. Non acabo de asimilar a relación entre a mensaxe e o producto. Tampouco quero atopala. Quédome coa mirada ilusionante dese home que xa viviu un século, con todo o que aínda lle queda por facer, malia ter pasado xa da mal denominada terceira idade (por qué non quinta, ou vixésimo cuarta...?)
Confudidos, eliminamos a certas persoas da actividade social, esquecemos a súa individualidade, as eleccións que aínda son quen de facer. Olvidamos que poden ter a chave para saber cómo enfrontarse a unha crise, para detectar a esencia secreta que nos pode levar á felicidade.
Ela preséntase como un ser vivo animal que vexeta mergullada entre un estado feroz e outro feble, endocéntrica e circular nos seus conceptos, inhumana.
Maraña de cables cruzados que debuxan un sintagma colorido esboza un refuxio para o gozo, dedicado ás artimañas.
Ela, gorxana que bloquea os intentos do universo de tirala nun furado de liturxia e benestar. Iza un berro e sonoriza o ceo de auto mato formas.
Si, o tempo foi creado para ela, que o comeu indixesta e borrou cun pincel os desafíos
…e logo fitou mineralizada nunha parte ínfima destruída.
Saiba que o O Verde de malaquitaé un colorante verde, activo fronte a unha gran variedade de parásitos externos e axentes patóxenos como fungos, bacterias, etc. A súa principal aplicación é para o tratamento contra parásitos de protozoos de auga doce. Polo tanto se vostede é un deles, lembre que pode ser perigoso, punzante, e repelente, ou todo o contrario... sempre e cando deixe por aquí unha boa pegada de ser.
SOBRE MIN
Laura Peña Moscoso
Laura Peña Moscoso. Habitante transxénica en continuo proceso de mutación