27/04/09

MUTACIÓN


[Jerry Uelsmann, Symbolic Mutation,1961]


A longo prazo, a mutación pode ser esencial para a nosa existencia. Sen o cambio que conleva, a vida non pode andar para adiante. Sen transformacións xenéticas, quedariamos estancados nunha especie de burbulla, algo así como os fetos que infra-viven sumerxidos en botes de formol.

A ciencia ficción dotouse de numerosos casos de mutacións, que acabaron por traspasar fronteiras e instálaronse de cheo na conciencia social. A serie de finais dos 60, "Los Invasores", presentaba a uns extraterrestres adaptados ó aspecto humano, que só podían distinguirse por pequenos detalles (véxase que non tiñan pulso, nin moito menos corazón. Pero ademáis non podían mover o dedo meñique, debido a un fallo na mutación).



De ahí, á creenza común de que o dedo meñique do pé vai desaparecer pasadas unhas poucas xeracións, non hai nada. Xa todos asumimos que esa insignificancia de dedo, polo demáis bastante feo, non serve en absoluto. Quizais axude un pouco ó equilibrio, pero pouca cousa. O dedo esmagado polos outros dedos, está condenado a pasar ós anais da historia.

Mentres non o fai, descubro que existen humanos ousados e coas ideas claras. Atopei un, en concreto, que decidiu mutar antes do previsto, antes que ninguén, e auto-dotarse de tres orellas (unha a maiores das dúas que a natureza lle regalou). Para escoitar mellor. Aínda que el afirma que o fixo por arte. E para que a transformación sexa perfecta, Stelarc dotará á súa nova orella dun micro, para que todos poidan escoitar o que escoita a súa orella.



Non é un trabalinguas. É a realidade deste século. E hei de recoñecer que me ilusiona pensar que no futuro, posiblemente poida dispor de vinte ollos ou de catro corazóns.