Xogo ás palabras. Asolagan pretéritos cando todo está acabado. Sen reparar nas marxes das follas e os ceos, non importa. Só golpeo teclados e oportunidades. Só é unha palabra totalitaria que se volve inoportuna cando quero dicirche tantas cousas. Unha vez, tentei derrubar os muros que construíra. Non cabía nin un gramo máis de honestidade naquelas pedras. Pero estaban alí, afundidas para sempre na terra que nos botamos por encima, até enterrar cada un dos silencios, pechando para sempre todo indicio de consecuencia futura.
Non quero falarche de tempos verbais. Non supós nada para hoxe, nin máis para mañá. Unha vez. Quixen evocarte unha vez, volver ser a túa pequena peza de alabastro, venderme, apostar porque todo se *reunificara nunha soa materia, un conxunto de cousas que aínda non teñen nome.
Tampouco sei o que che estou dicindo. Agora, neste tempo verbal percibo unha dose ínfima de rancor, unha marea de historias podrecidas, lodos aos pés da cama como tantas outras veces, e ese xesto que supón o describirte, cando xa o dixen todo sobre ti. Parece que nunca sairás da miña vida. Pero non é certo.
O aire pode volver entrar en calquera momento. As mans son capaces de soltarse de calquera superficie rugosa e quente. Non queiras ser unha persoa inxenua. Sabes, mellor que eu, que unicamente hai unha verdade. E non é a túa.

